Skip to content

Un Perrireno polo Nadal…

O pasado 24 de decembro estaba, como outras moitas tardes, charlando coa miña amiga Carmen por teléfono mentres ela  daba un paseo con Toxo por Madrid , cidade na que viven.

(Toxo, que de toxo só ten o nome, é un yorkshire guapetón e sociable ao que toda a veciñanza coñece e saúda)-

Pois no medio da nosa conversa escoito a voz dun neno que se achega a saudar a Toxin e aproveita para interesarse por Carmen e a súa cadeira de rodas (para bochorno/vergoña do pai da criatura, que nestas cousas os adultos non saben moi ben onde meterse). O diálogo foi tal que así :

-Porqué vas en cadeira de rodas?

(Pai: “deixa tranquila á moza”)

-Non pasa nada, é unha pregunta pertinente … Porque me fixen dano nunha perna

(versión lixeira que ás veces é conveniente)

-Feríchesche??  en cal??

-Pois un pouco nas dúas…

(aí o rapaz pillouna un pouquiño)

-Sangraches??

(pregunta impepinable cando quen pregunta é menor de seis anos)

-Nooon, non sangrei

(tentando evitar o drama…)

-E cando te poñas ben  sacaránche a cadeira de rodas?

– Si, se algún día me poño ben sacaránme a cadeira.

(nunca se sabe, así que deixamos aberto o futuro)

Ata aquí a conversación era normaliña, das habituais; pero hete aquí que o neno decide buscar alternativas….

-!Podes pedirlle ao teu can que tire da cadeira!

-Para iso necesitaría un can máis grande (pobre Toxo), Toxo é demasiado pequeno

O neno queda pensando un momento e di:

“Papá Noel ten uns renos con fuciños vermellos que se iluminan, que tiran do trineo e fan que o trineo voe. Como só os nenos podemos pedir agasallos a Papá Noel vou pedir un reno para min e outro para ti, así poderá tirar da túa cadeira”

Aí imaxinei á miña querida amiga cos ollos como pratos, imaxinándose nunha cadeira voadora da que tira Rudolf ou  Dasher ou Comet ou Cupido (este último xa sería a caña) con Toxo presidindo o paseo …. Iso se que seria pasar despercibida..

Aínda que hei de recoñecer que mantivo a compostura e, moi dignamente, díxolle ao rapaz

Xenial, moitas grazas, a ver se Papá Noel nos concede o teu desexo

A volta á conversa telefónica foi  : “Uuuuyyy témome que Papá Noel non vai ter a ben facilitarme a posibilidade dun transporte máis cómodo e , sen dúbida, moito máis Divino…”

A xenialidade dos peques para buscar solucións é o máis  do máis en grao sumo…Eles i elas saben perfectamente que hai infinidade de formas de percorrer un camiño, só hai que atopar a máis adecuada para cada ocasión e, en ocasións, saber cambiar de destino. Lástima que cando medramos se nos esquece  demasiado a menudo…