Cantas veces escoitastes esta frase na vosa infancia/adolescencia?
Para @s que temos algúns anos era unha frase habitual para zanxar discusións por parte das matriarcas ou dos patriarcas ( ainda que elas adoitaban ser as que zanxaban as discusións) nesas cuestións nas que nunca levábamos as de gañar.
A miña nai cando se fartaba de que lle dese a brasa con algunha cousa que non era viable (segundo o seu punto de vista) soltaba esa frase e fin da discusión, non había réplica posible. Normalmente acababa con un !E PUNTO! para reforzar a mensaxe.
E esa frase adoitaba levar , implícita ou explícita e dependendo do momento, unha orde. E se non cumprías esa ordes adoitaba haber, implícito ou explícito, un castigo ( non adoitaba levar un premio)
A posibilidade do reforzo positivo íase esgotando conforme se lles ía acabando a paciencia..
Haberá alguén a quen esta frase lle pareceu xusta algunha vez?
Pois Queridas e Queridos : algo similar facemos cos nosos cans…
Ao principio aceptamos o reforzo positivo ( xa sexan chuches, xoguetes ou felicitacións) como un medio para conseguir o fin ( que obedeza por dicilo dun xeito simple), pero chega un momento que o “porque o digo eu” aparece no noso pensamento e no noso comportamento.
A miña cadela ten que vir á chamada porque o digo eu; ten que ir tranquila paseando porque o digo eu e ten que calar porque o digo eu…
O que non temos en conta é que a humanidade ten a posibilidade ( falo de posibilidade porque hai quen non a utiliza) de racionalizar e que a comunicación é entre a mesma especie, non cunha especie distinta…
Os nosos bichos nin falan o noso idioma nin teñen a posibilidade de razoar.
Pensar outra cousa é darlle conciencia humana a un animal e flaco favor lles facemos…
Quérennos, aguántannos, aprenden se lles ensinamos e son felices facéndonos felices.
Pero cando non nos fan felices porque non nos entenden non é o seu problema, é o noso.
PDTA: aprender a comunicarnos cos nosos cans, facelo de xeito adecuado e tendo en conta que nos estamos comunicando con outra especie ( polo que debemos adaptar ese xeito de comunicarnos para entendernos) é a base dunha relación feliz, cun vínculo forte.
Lembrade sempre
Ser Felices
A culpa non é do can