Coido que non me presentara… Son Fada unha cadela de raza border collie . Teño 8 anos e desde que teño “uso de razón” formo parte da familia de Lobos de Naraío .
Cando era pequena a humanidade que me rodeaba quería achucharme dicindo “que cousa máis bonitiñaaa” algo que a min non me gusta nada . Entón tiña que encargarme de explilcarlles que non me invadisen o meu espazo perrunal e como falar non sei, pois comunicaballo cun pequeno petisco no que tiña máis preto : o seu nariz…O meu sobrenome era “a bebé cocodrilo”
O que mais me gusta
O que máis me gusta é xogar cos meus irmáns caninos e cos meus guías ( xogar en compañía porque se estou soa por aí sen nada que facer abúrrome e entón son un pouco perigosa coas cousas dos demais…).
Gústame traballar , porque durante ese tempo os meus guías están comigo e xuntos facemos cousas moi divertidas. E ademais sempre ( a ver…. sempre- sempre é moito dicir) que traballamos recibo felicitacións e premios.Ás veces tamén me sacan do xogo se me volvo un pouco tola… pero iso é o sal da vida perruna e humana.
Os border collie pastoreamos
Outra cousa que me gustaba moito era colocar aos nenos da casa no sofá cando me daban moito a lata.. Os meus guías a iso chámano pastorear: perseguíalles os nocellos e eles subíanse aos sofás e estábanse quietiños un intre. Algún se queixou dunha trabadiña pero marcas non tiñan…
Somos cans pastores, non cans de sofá ( que tamén nos gusta eh, pero na súa xusta medida) e se nos levades á civilización e non nos dades nada que facer , non vos sorprendades de que queiramos pastorear cousas que se moven como coches, bicis, outros cans ou persoas..
É algo que levamos nos xenes e se non podemos facelo con ovellas ou enfocando a nosa enerxía e a nosa mente a outra actividade pois saímos por onde podemos…
¿A raza máis intelixente?
Din que os border collie somos unha das razas máis intelixentes, pero eu creo que todos os cans son intelixentes, e temos facilidade de aprendizaxe sobre todo para agradar aos nosos humanos. Se nos ensinan a pensar, a tolerar a frustración, nos dades traballo mental e físico , moito xogo e moito amor somos Felices.
Teño moita decisión
Veredes :e que ás veces a miña guía é unha pouco lentiña dando as ordes e entón tócame solucionar o tema e teño dúas opcións:
Opción 1: xa fago eu o que me parece mellor.
Opción 2 : vou dicirlle que espabile cun pequeno toquecillo do meu nariz.
Tanta resolución pola miña banda non adoita parecerlle demasiado ben ( aínda que eu se que sorrí por baixo do seu nariz) . Formamos un gran equipo, pois o noso vínculo está feito de moito amor, xogo e traballo conxunto ( en realidade o noso equipo é de tres, porque o meu humano é unha parte fundamental neste equipo)
Divírtome moito cando facemos agility e xogamos e encántame estar encima dela na tumbona tomando o sol ( a ela parece que lle gusta un pouco menos) ou no sofá (canto máis pequeno mellor, así podo estar máis cerquita).
Aprendizaxes
Desde pequena ensináronme que hai momentos para todo, que hai espazos para cada momento, e que é importante respectar as normas para vivir en harmonía entre humanos e cans.
Pero eu son eu…. e iso tamén o respectan adecuándose ás miñas necesidades e ás miñas tolerías . Non son perfeta, pero son da familia e hai que adaptarse.
Lembrade que o que non se utiliza estropéase, e isto vale para o corpo e para a mente, para humanos e para bichos…
Sede Felices