Skip to content

REALIDADE vs EXPECTATIVAS

Falabamos a semana pasada dos nosos desexos i expectativas cando incorporamos á nosa familia un novo membro  da especie canina,  e da súa elección en función das nosas expectativas , pero tamén das modas e de outras variables que non sempre son as mais axeitadas (por exemplo porque o meu amigo ten un i é boísimo…)

É verdade que , falando en termos xerais ,determinadas razas están máis predispostas que outras para segundo que. Por exemplo :

  • Un border collie é un can de traballo, con facilidade de aprendizaxe, predisposto xeneticamente para o pastoreo e cun corpo que lle permite saltar e recortar nos saltos con moita facilidade; por iso é polo que sexa unha das razas favoritas para o agility .
  •  Un pastor belga malinois é un can de traballo, xeneticamente predisposto para o traballo duro, con moitas horas de exposición, cunha capacidade de aprendizaxe fantástica e un corpo áxil e forte para aguantar esforzos grandes.

Dúas razas de moda. Un erro moi serio cando quen os ten non atende as súas necesidades especificas e que poden ser súperfantasticos ou un pesadelo.

A realidade ( máis habitual do que nos gustaría):

 

  • Unha persoa  adoptou un mastín para a súa casa, para vivir tranquila. O mastín, que é un cachorro de 30 quilos , ao mes de adoptalo tirouna ao chan. Que facemos agora?

 

  • A unha persoa cunha mobilidade e forza limitadas  ( por capacidade física, por idade…) os seus fillos regaláronlle un pastor alemán para que salga de casa a pasear e para que “defenda” a casa. Esta persoa non ten forza para aguantar a un can que ,cando ve a outro can, lánzase a por el. É un can de máis de 30 quilos.  Que facemos agora?

 

  • Unha parella comprou un yorkshire que  levaron sempre en brazos pola rúa porque é tan pequeno que poden pisalo ou facerlle dano outro can. O can aprendeu a ir ladrando todo o intre porque todo dálle medo. Os seus donos non queren que ladre porque tiveron un bebé e espértalle. Que facemos agora?

É culpa do border collie, do malinois, de mastín, do pastor alemán ou do yorkshire?

 

Evidentemente ¡NON¡

 

É responsabilidade do humano saber o que quere, o que necesita, o que ten ( de espazo, de tempo, de diñeiro),como vive e como quere vivir e, unha vez que ten claro todo iso, decidir se quere incorporar un can á súa familia e que can é o máis axeitado ( sempre @tendo en conta o das expectativas, porque igual queremos un border collie para facer agility e resulta que lle gusta máis o sofá , todo pode pasar).

Vemos don@s/guías deixar  de practicar agility/ detección /obediencia porque “o meu can non vai”, con cachorros de seis meses …

Vemos don@s /guías que elexiron un can porque lles gustaba a raza  pero o can medrou, ten enerxía de máis, pastorea bicis e coches, ladra, non quere estar só… en resumen : deixou de ser “cómodo” .Preguntannos se saberíamos de alguén para adoptar ao seu can porque xa non encaixa na súa vida.

AFORTUNADAMENTE  TAMÉN é habitual que

  • Vexamos don@s/guías cheos de ledicia cando o seu can saltou tres vallas seguidas (porque el/ela guiou ben )

 

  • Vexamos don@s/guías chegar saltando de alegría porque o seu can paseando pola praia atopouse con outro can, chamáronlle e foi.

 

  • Vexamos don@s/guías que veñen dúas veces á semana para traballar cos seus cans sen  máis intención que lle de ter un can feliz tentando cubrir as súas necesidades de traballo físico e mental.
  • Vexamos guías responsables e máis ou menos felices, porque a perfección non existe

( afortunadamente porque si foran perfectos a vida sería aburridísima).

Cando temos unhas expectativas moi altas e non se cumpren , a nosa tolerancia á frustración adoita ser menor  e iso é malo para nós e moi malo para os nosos compis caninos. Reconduzcámolo, porque se pode.

Ás veces é tan simple como non pedirlle a alguén , can ou persoa, que sexa o que non pode ser.

E por suposto coa educación canina ( non nos vamos a meter coa educación humana) , como ferramenta para ter unha vida conxunta en armonía , sempre da man dun/dunha educador/a profesional.

E lembrade sempre

Ser Felices