Skip to content

Se nunha procura en Google axuntamos mobilidade reducida ou discapacidade e can o resultado son cans de asistencia, cans de terapia ou actividades terapéuticas…

Pero as persoas con discapacidade poden ser perfectamente guías caninos, agilitistas, guías de obediencia, practicar fresbee, dancing dog ou realizar calquera actividade co seu can cando, Do mesmo xeito que calquera outra persoa, esta actividade se adapte ás súas condicións e/o ás condicións do seu can.

Eu son unha persoa con discapacidade, son usuaria de cadeira de rodas e eduquei aos meus cans en Lobos de Naraío: paseo con eles, con correa ou en solto, xogamos , traballamos ,  e non só educamos aos cans senón que tambén practico e compito en agility.

E se eu o fágo calquera outra persoa pódeo facer porque, afortunadamente, non son a única.

En España é pouco habitual ver a unha persoa cunha discapacidade visible traballar co seu can, normalmente se levamos can a maioría da sociedade achácao a unha cuestión terapéutica. En varias ocasións dixéronme que “o meu can obrígame a saír de casa a pasear” ou “mira que ben que teño un can e relaciónome con outras persoas”, coma se por ir sentada non tivese vida ou me dedicase exclusivamente a vela pasar….

A miña primeira experiencia en educación canina

Lola era o meu bichiño. Unha pastora alemá adoptada, con moitos medos e un comportamento no que non se podía confiar moito porque levabas un susto rapidamente. E , cun deses sustos, pedín axuda a un educador canino recomendado polo meu veterinario: Lobos de Naraío.  E aí empezou a miña Vida Canina ( aínda que eu xa tivera catro cans).

Empezamos en educación, traballamos para fortalecer o noso vínculo e para gañar confianza, aprendemos o bo dun transportín, fomos tomar cafés ás terrazas e de paseo polo pobo.

Pero en Lobos de Naraío facían agility …. E eu cría que non podía, que non sería o meu, que non era viable…

Agility

Pero non quería irme. Era un lugar onde sentiamos ben, onde había outras persoas e outros cans que sabían respectar o noso espazo , divertiámonos , desconectaba do traballo e das leas e Lola crecía cada día que pasaba.  Así que preguntei (despois de moito tempo dicindo que eu xamais faría agility) …poderiamos facer agility?

E eles leáronse a manta á cabeza e dixeron “veña vai”. Lola chegou a facer exhibicións e algunha competición e a ser unha cadela capaz de estar no medio dunha chea de xente, de cans, de balbordo . Sempre estarei agradecida polas aprendizaxes, a compañía, as amizades e a oportunidade.

E cando a saúde de Lola díxonos que chegara o momento de que descansase , chegou Fada .

Fada é unha border collie crocodilo ( non deixa nariz enteiro como a esmaguen) e que toma as súas propias decisións cando non me entende ( e iso pasa máis a miúdo do que á miña gustaríame). Voa sobre os valos e eu vou sempre tarde, mal e “arrastro”, pero feliz. O noso adestrador ( e media laranxa) Javier Sánchez Amado, non é tan feliz como eu  e sacaríame da pista a rastro en moitas ocasións ( con toda a razón ) ; pero aguántame (claro que non queda outra).

Á dificultade do agility súmase a diferenza de movementos, as dificultades do terreo coa cadeira, a diferenza á hora de utilizar ou non utilizar o corpo,  o  timing que nunca é timing para o meu e , sobre todo, que non sei tirar o mordedor (sempre me di que vai dar un curso de como lanzar o mordedor)… Pero nada importa, ese ratiño na pista fai que diga “nalgún momento sairá, imos seguir traballando” e seguimos…

Paragility

A Federación de Caza (federación deportiva onde está incluído como disciplina o agility) deunos a oportunidade de competir en Paragility,  cunha adaptación do regulamento de competición que establece as condicións das pistas de paragility . A adaptación é unha cuestión de accesibilidade imprescindible para que as persoas con discapacidade teñamos a oportunidade de terminar as pistas sen eliminarnos e con espazo e tempo suficiente dentro do que marca o regulamento.

En RSCE (canina) o paragility está nomeado pero non hai posibilidade de adaptación da pista porque o regulamento non o contempla. Isto fai  imposible que as persoas con problemas de mobilidade podamos competir en igualdade de condicións , pois os percorridos (evidentemente) están deseñados para competidores con mobilidade.

Aínda que tamén vos digo que vin a unha persoa cunha mobilidade moi reducida, camiñando cun bastón, que era a envexa do  90% de l@s agilitystas : Luis Miguel Jimenez Cuenca , cun traballo increible e flipante , un espectáculo nas pistas de agility.

Nas competicións de canina habería que ir elixindo en función das pistas e iso non é viable.

Pódese?

Claro que se pode. Fan falta ganas, motivación, un educador/a adestrador@ disposto/á learse a manta á cabeza e moita tolerancia á frustración por parte de tod@s ( pero tamén forma parte da aprendizaxe).

Seguireivos contando sobre a accesibilidade dos centros, as probas, sobre o comportamento dos cans e calquera cousa que me pareza interesante ou que vos pareza interesante a vós.

E agradeceríavos moitísimo que , se coñecedes a alguén con discapacidade e que lle gusten os cans e apetézalle dar un pasito no mundo canino animédeslle a facelo e digádeslle que non está sol@: xa hai algún@s loc@s que o fan, divírtense, rélanse, frústranse , pelexan e buscan apoios para seguir crecendo.

Lembrade sempre que o importante é

Ser Felices