Skip to content

Non vos vou a dar a brasa con datos sobre a capacidade olfativa dos nosos cans ( se vos interesa só tedes que preguntarlle a San Google), pero si que toca hoxe falar de Narices

Á maioría da Humanidade ter un olfacto moi sensible só lle serve para amolar, porque o mundo cheira (real e metaforicamente falando) relativamente mal, e só a unhas poucas persoas afortunadas sérvelles para gozar co que fan e ademais gañar diñeiro ( aínda que probablemente tamén algunha dor de cabeza) .  Pero aos nosos cans sérvelles para coñecer, recoñecer, identificar, relacionarse, divertirse…. Serve tamén para baixar o seu estrés  e para relaxarse, ademais de para traballar o control de impulsos, a concentración , a tolerancia á frustración  e todo iso creando vínculo co seu guía.

Parástesvos algunha vez para observar e escoitar un can cando busca un cheiro? É algo súper relaxante pois transmiten calma,concentración e ritmo.  Case poderías meditar mentres o teu can busca! .

O traballo de olfacto vai sempre a favor do can , porque utiliza o seu sentido máis especial, máis rico, resúltalles gratificante, divertido, cansado tamén ( 15 minutos de procura equivalen ao gasto enerxético dunha hora  e media de exercicio físico) e, como vos comentaba , proporciónalles benestar físico e mental.

Vemos habitualmente anuncios de alfombras de cheiro e xogos de olfacto que serven para entreter e divertirnos co noso can pero o traballo de olfacto vai moito máis alá.

A detección de substancias, como disciplina deportiva, vai máis aló que o mero feito de cheirar. Trátase de traballar a concentración, a motivación, a frecuencia olfativa, a marcaxe, o control de impulsos, a obediencia e o vínculo entre o guía e o can .Trabállase con diferentes cheiros e en diferentes escenarios . Pode parecer aburrida  ou que implica pouca participación do guía e nada máis lonxe da realidade. Ensinar ao teu can para traballar e traballar en equipo é algo súper gratificante para ambos.

Convídovos a ver algún dos nosos vídeos de equipos que traballan en detección, a complicidade que transmiten é fantástica. E lembrade que para a detección non hai necesidades físicas especiais nin para o can nin para o guía , só ter ganas de facer cousas xuntos… E lembrade sempre que o importante é

Ser Felices!!